Cabanas prepara unha ruta interpretativa do Río Dana

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Medio Ambiente, en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural e a financiación da Deputación da Coruña, está a elaborar un estudo para a posta en valor da contorna do Río Dana nas parroquias de San Mamede de Laraxe e San Martiño do Porto.

Os traballos, previstos para desenvolverse ao longo de todo o mes de xuño, teñen como finalidade crear todo o material necesario para levar a cabo rutas interpretativas co fin de salientar o patrimonio natural e etnográfico das zonas contiguas a este recursos fluvial. Trátase, en definitiva, dun proxecto cuxa idea principal xirará en torno á cuestión da correlación existente entre o medio natural e a pegada humana sobre a paisaxe, explorando, dunha forma didáctica, os efectos positivos e negativos que como especie causamos sobre os ecosistemas ligados á auga.

Até o de agora as tarefas realizadas centráronse exclusivamente no baleirado de toda a información dispoñíbel sobre o obxectivo principal do estudo, así como na realización de traballos de campo para comprobar o estado actual do río. Así mesmo, procedeuse á descrición da flora e fauna local (anfibios, aves, vexetación de ribeira…) e á catalogación dos elementos patrimoniais (muíños, muros de pedra, casas tradicionais, hórreos…) mediante a toma de imaxes e o procesamento da información obtida sobre o terro.

Nunha segunda fase da investigación contactarase coas persoas propietarias dos muíños e coas que puideran ter no seu poder imaxes antigas das zonas de Río Castro, Chao da Aldea, Porto, O Batán, A Veiga, Lodeiro e O Feal para facer unha recopilación, que xa poden facer as súas aportacións dirixíndose ao correo oficina@cabanasturismo.gal

“A actividade proponse coa intención de facer partícipe á veciñanza de Cabanas, e poder abrir debates nestas rutas en forma de paseos, onde o público será protagonista activo” sinalou o tenente alcalde e responsábel da Área de Medio Ambiente, Iago Varela. “Isto motivará que se poida desenvolver a observación e a reflexión sobre situacións reais e como afecta a toma de decisións ao noso entorno e á súa biodiversidade”, concluíu.

Este proxecto forma parte da estratexia en defensa do medio ambiente “Cabanas Sostíbel”, na que se engloban unha serie de campañas e accións chamadas a mellorar a sostibilidade do concello, como a campaña de compostaxe, o fomento de alternativas ao plástico ou medidas de educación ambiental, entre outras.

Share.

Comments are closed.